Print

A derradeira xornada da primeira rolda da Liga Galega de Fútbol Gaélico na súa tempada 2015 – 2016, trae ao Irmandinhos A Estrada dúas vitorias na categoría feminina e a derrota do conxunto masculino en Santiago.

O primeiro encontro enfrontaba ás Braithreachas e Ártabras de Oleiros. Desafortunadamente para os afeccionados, clubes e ambos conxuntos, o partido finalmente non tivo lugar, pois as coruñesas alegaron non poder presentar un número suficiente de xogadoras para poder competir. Resolvéndose pola vía administrativa, concédeselle a vitoria ás Braithreachas por 30 – 00 (puntuación establecida na normativa da Asociación Galega de Fútbol Gaélico).

 

 

A xornada IX remataba para o clube en Santiago, no Campo das Cancelas, onde os Irmandinhos e as Irmandinhas A Estrada se medían ao Estrela Vermelha.

Comezaban os encontros coa categoría feminina, onde as Irmandinhas precisaban gañar para continuar coa loita pola liga. As rapazas de Carlos Torres comezaban o encontro fóra do partido: Paula regresaría á competición cunha recaída da súa lesión no xeonllo.

A primeira metade resultou moi confusa para as estradenses; non eran quen de facer o seu xogo e o Estrela estaba a marcar diferenzas, mesmo chegando a estar sete puntos por enriba no marcador. As incursións con velocidade e precisión de Iria estaban a deixar moi por baixo no marcador ás visitantes, que vían de lonxe a loita pola liga. Dúas faltas ao borde da área e os saques rápidos das mesmas case ao final da primeira parte, collían ás Irmandinhas por sorpresa con dous goles, que prometían uns tensos vinte minutos finais.

Xa na segunda metade e tendo en conta o marcador en contra, as estradenses conseguiron facerse co balón e chegar ata a meta de Inés con moito máis perigo. As xogadas partían dunha defensa individual moi intensa ás xogadoras que estaban a ser clave no encontro para a anular os puntos fortes das Estrela. Así, en 10 minutos as Irmandinhas conseguen empatar o partido logo de combinacións polo centro do campo entre as habituais referencias ofensivas, destacando a labor de Lucía, que xa nos ten acostumados a ser protagonista no xogo irmandinho. A expulsión de Iria, xunto coa impecable defensa de Eva e o xogo do bloque ofensivo formado por medios e dianteira irmandinha, acabaron por poñer unha diferenza de +3 ao final do partido, rematando 02 - 10 ( 16 ) / 01 - 16 ( 19 ) para o equipo de A Estrada.

youtube partido completo

 

 

 

Xa pasadas as 19 horas establecidas para o comezo do encontro masculino, Kobu sinala o inicio do partido máis emocionante da xornada, o que enfrontaba a dous dos tres principais candidatos á liga 2015 – 2016 na primeira división: Estrela Vermella F.G. e Irmandinhos A Estrada.

Os Irmandinhos viñan de empatar contra os Fillos de Breogán en A Coruña e necesitaban gañar aos composteláns para que estes non avanzaran na clasificación. O conxunto de Sito sabía que era un partido decisivo e que se rodearía de un clima tenso pola importancia do mesmo. Os xogadores entraron ao terreo de xogo convencidos das posibilidades pero mentalizados de que sería unha loita intensa.

Na primeira parte o dominio dos visitantes podía verse no xogo do Estrela: os roubos de balón da defensa estradense e os pases cortados no medio do campo propiciaban que nos primeiros dez minutos os composteláns non foran quen de marcar nin un só tanto. Un determinante Juve en portería colocaba o balón nas mans dos medios que aproveitaban os ocos que deixaba o xogo de Estrela para puntuar.

A dianteira compostelá formada polos sempre perigosos Leborán e Adriano víase minguada pola actuación dos estradenses que estaban a repetir a brillante actuación ofrecida na Champions League de Pontevedra, onde a vitoria fora clara, a pesar dos reforzos cos que contaba o conxunto de Santiago.

A rápida axuda en defensa de Jerry, un colosal Javi na definición e un efectivo Kana, estaban a suplir a falta de xogadores determinantes como Corba, que non se atopaba dispoñible para o encontro. Unha defensa sólida con Lupo e Richi pechando espazos e dando saída ao balón, así como o muro creado por Maki e Félix onde rompían as ocasións dos estrela durante gran parte dos 30 primeiros minutos; facía que os estradenses chegaran ao descanso por enriba no marcador.

A segunda metade pode resumirse nun momento clave: a expulsión de Yupe polo que Kobu considerou unha “agresión”, amoestando nun primeiro momento ao xogador con unha tarxeta negra e posteriormente ensinándolle a vermella, que deixaba ao conxunto visitante con un xogador menos durante máis de vinte minutos.

É aí cando os de Santiago aproveitan a superioridade numérica para buscar un recurso co que gañar aos estradenses logo dunha gran primeira parte. Dous goles de Leborán dábanlle a volta ao marcador pero os Irmandinhos seguían a crear perigo mesmo con un home menos.

As liñas fundíanse para crear unha muralla ás entradas ofensivas do Estrela e os ataques á meta de Cebolo eran menores pero sempre efectivos. De a pouquiño, os Irmandinhos recortaban eses dous puntos que o Estrela conseguía poñer de marxe, pero finalmente o encontro remata 02 - 10 ( 16 ) / 01 - 11 ( 14 ).

As boas sensacións recollidas nesta data tan importante fan que os rapaces afronten a segunda volta con máis gañas,  tendo en conta que realizando partidos coma o desta fin de semana a liga estará moi pelexada.

youtube partido completo

 

 

 

Nos meses de decembro e xaneiro a liga fará unha pequena parada para dar lugar á I Copa Asociación ademais de coincidir coas vacacións de Nadal.

A Liga Galega de Fútbol Gaélico volverá coa décima xornada o 30 de xaneiro, comezando a segunda e definitiva rolda para saber aos campións desta tempada 2015 – 2016. 

Hits: 613